Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morre unha muller nunha explosión nun edificio en Valladolid

Morre unha muller nunha explosión nun edificio en Valladolid

Ademais quedaron feridas doce persoas, dúas delas, un pai e un fillo, de carácter grave

O estoupido puido sentirse en distintos puntos de Valladolid

Despois da explosión, declarouse un incendio e as chamas chegaron "ata arriba de todo do edificio"

G24.gal 02/08/2023 08:03 Última actualización 02/08/2023 08:15

Os bombeiros atoparon sen vida a unha muller de 53 anos no seu domicilio, tras unha explosión rexistrada nun edificio de catro alturas situado na rúa Goya de Valladolid, un suceso no que ademais resultaron feridas doce persoas, dúas delas, un pai e un fillo, de carácter grave. 

A vítima atopárono durante a madrugada deste mércores, arredor das 5:30 horas, tras unha intensa busca desde que se produciu a explosión, pouco antes das once da noite do martes.

Bombeiros, Policía Local, Protección Civil e membros de distintos servizos colaboraron ata dar coa muller falecida e continúan realizando distintos labores no edificio sinistrado a primeiras horas de hoxe.

Os dez feridos trasladados a hospitais para recibir asistencia tras a explosión mortal son sete mulleres e tres homes con idades comprendidas entre 22 e 89 anos, informou o Servizo de Emerxencias 112 de Castela e León.

Ao parecer tratouse dunha explosión de gas en función dos primeiros indicios, un extremo que terán que investigar os axentes da Policía Científica.

A vítima mortal residía nun primeiro piso do inmoble, cos seus tres cans, catro gatos e dous furóns, segundo explicaron achegados da vítima.

Os dous feridos graves son un home e o seu fillo, que están ingresados na UCI e na unidade de queimados.

Testemuñas presenciais explicaron que, minutos antes das once da noite, escoitouse unha forte explosión que xerou grande alarma entre os veciños.

Os bombeiros indicaron que, despois da explosión, declarouse un incendio e as chamas chegaron "ata arriba de todo do edificio", do que seguiu saíndo fume de madrugada mentres o servizo de extinción de incendios continuaba coa súa tarefa, centrada na procura da muller que estaba desaparecida e que finalmente atoparon sen vida. 

A explosión nun edificio en Valladolid puido orixinarse na casa da muller falecida

Os primeiros indicios apuntan á vivenda da vítima mortal, aínda que será a Policía Científica a que determine as causas e o lugar no que se produciu.

Seis dos lesionados foron conducidos ao Hospital Clínico Universitario, onde xa recibiron a alta, e outros cinco ao Hospital Río Hortega, onde dous están na UCI, estables dentro da gravidade, outros dous en observación e un foi dado de alta.

Aclarou que as dúas persoas que se atopan na UCI non presentan queimaduras, aínda que si resultaron afectadas pola inhalación de fume e unha deles, de avanzada idade, sofre patoloxías cardiorrespiratorias previas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade