Mulleres nas TIC: son maioría no bacharelato, pero só un 12 % nas carreiras
Mulleres nas TIC: son maioría no bacharelato, pero só un 12 % nas carreiras
Elas teñen resultados académicos "lixeiramente" mellores que os dos seus compañeiros de clase, o que "desmitifica" que "as mulleres non teñen capacidades tecnolóxicas"
A CRTVG lanza #FaiClic para fomentar as carreiras tecnolóxicas entre as nenas galegas
As Universidades da Coruña e de Vigo advirten da "dramática" caída da presenza de mulleres nas titulacións do ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación, (TIC) xa que é dun 12 % mentres a porcentaxe feminina en bacharelato é de 54 %.
Así se puxo de manifesto este venres na presentación na Coruña do barómetro da brecha de xénero nas estudos TIC realizado pola cátedra Aldaba-WIB (Women, ICT& Business) das universidades da Coruña (UDC) e de Vigo (UVigo), nun acto presidido polos seus respectivos reitores, Julio Abalde e Manuel Reigosa.
Forte baixada do bacharelato ás carreiras
A codirectora da cátedra pola UDC, Virginia Mato, alertou do descenso de mulleres desde bacharelato, cun 54 % de alumnas para as xeracións nadas de 2000 a 2004, ás titulacións TIC universitarias nese mesmo tramo de idade, segundo informan as universidades nunha nota de prensa.
Pola súa banda, a codirectora pola UVigo, Alma Gómez, destacou que as alumnas universitarias de titulacións TIC teñen resultados académicos "lixeiramente" mellores que os dos seus compañeiros de clase, o que "desmitifica" a pretensión de que "as mulleres non teñen capacidades tecnolóxicas", apuntou.
Así, as mulleres teñen unha taxa de rendemento (créditos aprobados por créditos matriculados) de 67 % fronte a 66 % para os homes, durante este curso, pero a diferenza foi superior en cursos anteriores.
Por esta realidade, a CRTVG lanzou en abril unha campaña para concienciar e animar as rapazas a estudaren carreiras no eido tecnolóxico.
Un barómetro para "traballar na dirección correcta"
O citado barómetro pretende ofrecer un coñecemento exhaustivo e actualizado sobre a participación de mulleres en titulacións da área TIC e irá actualizándose periodicamente conforme se inicien os seus estudos universitarios, ou a comparativa de resultados académicos entre mulleres e homes.
Tamén inclúe indicadores e evolución da presenza feminina en carreiras TIC e de mulleres dunha xeración na súa traxectoria académica.
O reitor da UDC, que abriu o acto, alertou da "falta de mulleres nas TIC" que supón unha perda de talento para o sector e expresou a súa vontade de "fomentar a vocación entre as nenas e as mulleres polas titulacións" desta área.
O reitor da UVigo resaltou o "excelente" traballo desa cátedra, froito da colaboración das dúas universidades e a empresa Aldaba, cun barómetro que permitirá "traballar na dirección correcta".
Reigosa reafirmou o apoio de UVigo á Coruña como sede da futura axencia española de supervisión de intelixencia artificial, que terá as siglas Aesia.