Multan a Vueling con 28.000 euros por negar o embarque a unha muller polo seu escote
Multan a Vueling con 28.000 euros por negar o embarque a unha muller polo seu escote
Os feitos foron denunciados por Facua, que advertiu que se trataba de "unha práctica discriminatoria con trazas machistas"
Vueling afirma que se trata dun caso de 2019 e que a asociación "difunde de novo a información dun caso xa resolto e publicado en 2020".
A aeroliña española Vueling foi multada con 28.000 euros pola Axencia Estatal de Seguridade Área por negar o embarque a unha muller co argumento de que levaba un bodi escotado, uns feitos que denunciou Facua.
A muller ía coller un avión no aeroporto de Mallorca con destino a Barcelona, cando unha tripulante da compañía no embarque díxolle que non podía entrar porque levaba un bodi escotado, informou este xoves a asociación de consumidores.
A pesar de que varios pasaxeiros instaron a axente a que lle permitise acceder ao avión, a compañía deixou en terra a afectada.
Facua advertiu de que se trataba de "unha práctica discriminatoria con trazas machistas" e lembrou que ningunha normativa prohibe expresamente a admisión dos pasaxeiros pola súa indumentaria, sempre que a mesma non vaia en contra da orde pública.
Vueling, pola súa banda, afirmou que se trata dun caso de 2019 e que a asociación "difunde de novo a información dun caso xa resolto e publicado en 2020".
En relación co incidente, a aeroliña indica que "ante a resposta agresiva da pasaxeira, decidiuse chamar as autoridades competentes".
Unha portavoz de Vueling recalcou que "as condicións de transporte, que se aplican de maneira igualitaria a homes e mulleres, establecen a posibilidade de denegación de embarque polo seu comportamento".
Facua trasladou os feitos a AESA ao entender que se vulneraron os dereitos desta usuaria "discriminándoa pola súa forma de vestir, deixándoa nunha completa indefensión diante da pasaxe".
Os feitos ocorreron en 2019 e o expediente sancionador foi resolto en outubro de 2020, aínda que non foi ata o de agora cando a asociación foi informada sobre o resultado da súa denuncia tras solicitala no Portal de Transparencia da Administración Xeral do Estado.
A AESA impón á aeroliña unha multa de 28.000 euros por vulnerar varios artigos da Lei 21/2003, do 7 de xullo, de Seguridade Aérea relativos a infraccións contra a seguridade da aviación civil.