Multiplícanse por catro os casos de bruxismo tras a pandemia
Multiplícanse por catro os casos de bruxismo tras a pandemia
Un 23 % da poboación padece hoxe esta enfermidade crónica, fronte ao 6 % de 2019
Rinchar a apertar os dentes pola noite pode provocar moitos problemas de saúde, e non só na boca ou nas mandíbulas, senón por todo o corpo. Por iso o bruxismo debe vixiarse e combaterse.
Os dentistas alertan de que esta doenza aumentou moito nos últimos anos. Segundo os datos do Consello Xeral de Odontólogos, multiplicouse por catro desde a pandemia. Se en 2019 o 6 % da poboación era bruxista, agora chegamos a un 23 %, case un de cada catro cidadáns.
"Ten que ver con que coa pandemia se disparou tamén a ansiedade, a depresión e outros problemas de saúde mental", explica o odontólogo José Manel Pose.
Porque a ansiedade e o estrés están tras o hábito de apertar os dentes, incontrolable durante a noite. Ademais da axuda psicolóxica e o fisio é imprescindible o tratamento odontolóxico. Porque o bruxismo desgasta as pezas dentais e as articulacións provocando moitos problemas e dor.
Tamén hai moitas veces que reparar os dentes, para que a mandíbula volva ao seu lugar. Moitas contracturas e problemas locomotores que sufrimos a diario xorden por rinchar os dentes pola noite.