Publicador de contidos
Publicador de contidos

Bruxelas pide aos países da UE que non pechen as fronteiras a desertores rusos

Bruxelas pide aos países da UE que non pechen as fronteiras a desertores rusos

Continúa a saída de cidadáns rusos que tratan de evitar ser recrutados para ir combater

Sen recoñecemento internacional, Rusia inicia os referendos para integrar territorios ucraínos

Durante os próximos días vaise votar nas catro rexións anexionadas por Moscova

G24.gal 23/09/2022 13:35 Última actualización 23/09/2022 21:26

A Unión Europea non ten unha posición común sobre como acoller a unha onde migratoria de desertores rusos que foxen de ser recrutados para combater en Ucraína e que colle por sorpresa aos Vinte e sete.

Esgotados os voos a países nos que non necesitan visado, moitos rusos en idade militar continúan chegando ás fronteiras terrestres con Finlandia, Xeorxia ou Khazakhastán para saír do país.
“Teño medo", di un mozo entrevistado na fronteira finesa, e engade "creo que a guerra é un grande erro para Rusia, Europa e Ucraína”. 

Na Comisión Europea insisten, que aos demandantes de asilo rusos hai que tratalos como tales, seguindo a legalidade e avaliando a súa situación, polo que desde Bruxelas piden ás capitais europeas que non peche as súas fronteiras.

"Seguimos moi de preto a situación e hai contactos en curso cos Estados membros", dixo este venres o portavoz xefe da Comisión Europea, Eric Mamer, na conferncia de prensa diaria da institución, pero insistiu en que "en calquera caso, hai un marco xurídico en materia de asilo que continúa estando en vigor".

Bruxelas asegura que a situación nas fronteiras exteriores da UE é estable.

Finlandia xa anunciou que reducirá os permisos de turismo e de tránsito para os rusos polo seu territorio. Outros socios europeos, como as repúblicas bálticas, alegan non ter tamaño nin potencial suficiente como para atender a chegada de miles de persoas, e ademais tampouco parecen interesadas en facelo.

"Por razóns de seguridade Letonia non emitirá visados humanitarios ou doutro tipo a aqueles cidadáns rusos que eviten a mobilización", dixo o mércores o ministro de Exteriores letón, Edgars Rinkevics.

Alemaña, en cambio, considera que si "ten que haber un camiño" para que os obxectores de conciencia e desertores rusos "poidan vir a Europa" e evitar a mobilización decretada polo Kremlin.

Ante a falta de acordo, República Checa, que ostenta actualmente a presidencia rotatoria de UE, convocou aos embaixadores a unha reunión o vindeiro luns para tratar de coordinar unha postura común e a Comisión manterá outro encontro o martes con representantes dos Vinte e sete para abordar a situación.

Comezan os referendos de anexión de territorios ucraínos

As votacións nos referendos de anexión a Rusia están xa en marcha nas catro rexións ucraínas parcialmente ocupadas polas tropas rusas no sur e leste do país, Donestk, Lugansk, Khersón e Zaporijia.

Durante os próximos catro días, as urnas desprazaranse ata domicilios e centros de traballo para recoller o voto dos cidadáns e o martes, última xornada de votacións, abriranse os colexios electorais habituais. 

O Goberno de Kíiv e os seus aliados occidentais xa anunciaron que non recoñecerán os resultados das consultas, que cualifican de ilegais e que previsiblemente serán favorables á incorporación á Federación Rusa dos catro territorios, que supoñen o 15 por cento de Ucraína. 

Unha anexión que servirá a Moscova para xustificar a chamada a filas de 300.000 reservistas cos que pretende frear a exitosa contraofensiva ucraína nas frontes de guerra. 

A misión das Nacións Unidas encargada de investigar as violacións de dereitos humanos en Ucraína denuncia que as tropas rusas son responsables de crimes de guerra. 

O informe dos expertos fala de violacións, torturas e execucións extraxudiciais e anuncia que seguirán investigando as deportacións forzosas e as adopcións de menores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade