Nana, a heroína de catro patas que delatou un atracador en Láncara
Nana, a heroína de catro patas que delatou un atracador en Láncara
Perseguiu o asaltante dunha sucursal da Pobra de San Xiao que levaba unha pistola
Hai dous anos e medio que unha familia adoptou a Nana. Daquela xa era unha bonitura pillabana e espelida, como é agora, pero os seus donos non podían nin sospeitar que esta minchiña acabaría delatando un atracador armado e propiciando a súa captura minutos despois do asalto a un banco.
Ocorreu o sábado pasado nunha sucursal da Pobra de San Xiao. Nun despiste do asaltante, que portaba unha pistola, a empregada conseguiu escapar para pedir auxilio. Segundos despois, o atracador saíu do banco e foise agochar entre dous coches situados diante da casa de Nana.
A cadela seguiuno durante un cacho, rodeando as vivendas por detrás, onde topou de fronte co seu dono e outro home, que o retiveron nunha parcela e obrigárono a agardar ata que chegou a Garda Civil.
Din que, de haber unha heroína nesta historia, esa é Nana, e que se ela non chega a delatar o atracador, como estaba tan ben agochado, sería moito máis difícil prendelo.
Allea ao seu protagonismo, Nana segue devecendo polas galletas e por poder ir pasear coa súa familia.