Narón acolle as I Olimpíadas Galegas de Seguridade Viaria
400 estudantes de 5.º de primaria de oito colexios galegos aprenden a ter condutas responsables
Os oito colexios galegos que participaron nas I Olimpíadas de Educación Viaria presentaron un vídeo no que transmitían información sobre educación viaria. Pero tamén a través de maquetas coas que explicaron como é a contorna dos seus centros educativos e como lles gustaría que fose.
"Tendo en conta tres obxectivos: gozar, compartir e sensibilizar. Puxemos un carril bici para concienciar os nenos de que é mellor utilizar a bicicleta", explican os estudantes.
"Que leven de aquí todo o que aprenderon nestes meses nos seus colexios onde estudaron moi duramente", di Pedro Caneiro, coordinador do equipo de Educación Viaria do concello de Narón.
E que os nervios, porque recoñecen telos, non lles xoguen unha mala pasada...
"Estamos bastante nerviosos porque nos estamos dando conta de que os contrincantes están traballando moi duro e moi ben", di unha alumna.
Todos teñen claro que nesta convivencia de educación viaria, gañar non é o importante.
"Se quedamos de primeiros, mellor. Pero se non, non pasa nada porque vimos a pasalo ben".