Publicador de contidos

Publicador de contidos

Narón celebra esta fin de semana a XIX mostra da camelia

Narón celebra esta fin de semana a XIX mostra da camelia

A exposición pódese visitar no centro comercial Odeón

G24.gal 08/02/2025 21:27 Última actualización 08/02/2025 21:43

A décimo novena edición da mostra da camelia de Narón acolle unha variedade ampla de exemplares de 24 expositores.

"Isto cada vez vai a máis. Temos máis público e cada día, camelias mellores e máis bonitas", asegura Edmundo Novoa, presidente da Asociación Galega da Camelia.

Dezaseis cultivadores presentaron, coincidindo co encontro, as súas flores a concurso. Geli Piñeiro gañou un dos premios.

"Cultivo variedades distintas e a que me premiaron é unha das máis espectaculares", explica Geli.

Outro dos premios, o do mellor conxunto floral, levouno Abelardo Barcala.

"Esta semana a camelia tivo boas condicións e púidose coller unha boa flor", apunta Abelardo.

Ademais dos que as cultivan, a camelia ten moitos amantes.

"Viñemos a ver todas estas marabillas", di unha visitante.

"As cores, as formas, todo nelas é especial", apunta outra.

"É unha flor de inverno, que hai poucas, e ademais é unha flor que leva moitos anos en Galicia e que se dá moi ben", engade un visitante máis.

Como flor de inverno, pódese lucir de xaneiro a primeiros de abril. En Galicia fanse neste tempo unhas corenta mostras. O presidente da Asociación Galega da Camelia dá por feito que é unha tradición que non se vai perder.
 

"Hoxe hai pelexa en concellos por conseguir un espazo no calendario para poñer unha exposición. O calendario non dá máis de si", afirma Edmundo Novoa.

A mostra de camelias de Narón permanecerá aberta ao público este domingo, entre as dez da mañá e as seis da tarde.
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade