Uns 3.000 animais concursan en Lugo na primeira exposición canina do ano en Galicia
Uns 3.000 animais concursan en Lugo na primeira exposición canina do ano en Galicia
O Pazo de Feiras e Congresos acolle a mostra con probas de agility e beleza
Lugo acolle esta fin de semana a primeira exposición canina en Galicia deste ano, unha cita con probas de agility e beleza que é unha referencia para as persoas amantes destes concursos.
Trátase do 111 e 112 certame nacional canino e do 50 internacional que se celebran ata o domingo no Pazo de Feiras e Congresos.
A conexión entre o can e o dono é extraordinaria no agility, unha proba deportiva na que deben rematar un circuíto cheo de obstáculos no menor tempo posible.
A habilidade e axilidade dos animais é impresionante. Nunha compenetración absoluta, animal e guía percorren con destreza e rapidez o itinerario establecido.
Noutra sala, teñen lugar as probas de beleza. Entre os expositores está Juan, un criador de Navarra especializado en caniches que foi o número un de España de todas as razas cun exemplar xigante, a nai de Rania, que debuta hoxe.
Ademais, recóllense mostras de ADN para certificar a xenealoxía dos cans con pedigree, como mandan as normas da Sociedade Canina Española dende o 1 de xaneiro.