Navarra continúa en estado de máxima alarma polos cinco incendios activos
Navarra continúa en estado de máxima alarma polos cinco incendios activos
Os refachos de vento están a complicar a evolución dos lumes
Hai oito poboacións desaloxadas e cinco focos activos
Son cinco os focos que continúan activos este domingo en Navarra, e os servizos de extinción traballaron durante toda a xornada en contra dos refachos de vento que acadaron os 100 quilómetros por hora nalgúns puntos e que reavivan constantemente as lapas. Desde o centro de control constatan que o lume segue avanzando e o risco de novos focos é permanente, segundo detallaba Alberto Garde, xefe do operativo.
Agora mesmo estamos defendendo a poboación de Arguiñáriz para que non se queime. Está desaloxado. O lume segue o seu camiño. A poboación creo que a salvamos pero agora os seguintes núcleos que están nese camiño haberá que ir pensando en desaloxalos tamén.
Hai oito poboacións desaloxadas e desde o Goberno piden que se eviten desprazamentos innecesarios para non ter que lamentar danos persoais. En Legarda o cento de veciños que viven alí tiveron que marchar das súas casas porque o lume chegou ao pé do núcleo e calcinou tres construcións, como confirmaba o seu alcalde, Silvestre Belzunegui.
Queimaríase sobre un 95% do termo municipal. Non nos queda máis ca o núcleo urbano e un pequeno campo onde está o serradoiro e pouco máis. Ardeu unha casa que a tiñan como almacén con coches e entón entrou o lume. Durante toda a noite estivo unha dotación de bombeiros tratando de aguantalo pero ao final deixamos que se queimase todo porque non había maneira de contelo.
A comunidade foral continúa en estado de máxima alarma.
E mentres, en Cataluña, os bombeiros centraron os seus esforzos durante esta xornada no lume de Artesa de Segre, en Lleida, que arrasou xa 2.600 hectáreas, a maior parte masa forestal. É o último incendio que queda activo, da vaga de lumes desta semana.