Negacionistas manipulan os códigos QR de información turística de Lugo
Negacionistas manipulan os códigos QR de información turística de Lugo
Desviaban a un enlace con mensaxes contra as vacinas
Negacionistas manipularon os códigos QR dos paneis de información turística de Lugo. Puxeron adhesivos sobre os códigos orixinais que redireccionaron a un enlace que pon en dúbida a eficacia das vacinas e que inclúe mensaxes con supostos efectos secundarios. O Concello ordenou xa a retirada de todos estes códigos falsos.
"Non entendo por que alguén está contra as vacinas. Poñer por riba dunha información turística unha propaganda contra as vacinas, pareceme mal." di unha veciña de Lugo.
O presidente da asociación de comerciantes do centro histórico foi quen se percatou. Luis Latorre conta que lle estrañou ver unha pegatina sobre o panel informativo, e que ao abrila se atopou coa sorpresa de que redirixía a unha páxina con panfletos antivacinas.
Un enlace onde se cuestiona a eficacia das vacinas a través dun menú satrírico co nome dos laboratorios e os presuntos efectos secundarios.
"Paréceme unha barbaridade, terxiversando a realidade e a verdade das cousas. Se se trata dunha broma é de moi mal gusto porque ademais desinforma á xente", comentan varios veciños.
Recomendan fixarse ben antes de escanear un código que non teña ningún elemento estraño. "Esto pode ser moi perigoso porque poden redirixirte a páxinas onde che poden robar datos do móbil ou algo similar. É preciso que a xente estea atenta", di Luis Latorre.
As pegatinas xa non están. A Concellería de Cultura deu orde aos servizos de limpeza de revisar todos os paneis e retirar os falsos códigos.