Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un acto vandálico estraga as instalacións deportivas vedresas do Coto

Un acto vandálico estraga as instalacións deportivas vedresas do Coto

Papeleiras, un extintor e cristais apareceron tirados polo campo, onde tamén estragaron unha portería

Os asaltantes inundaron os vestiarios, onde deixaron as billas abertas toda a noite

Imaxe do campo do Coto, en Vedra, onde descoñecidos ocasionaron estragos a noite do sábado pasado
08/10/2024 14:03

Billas abertas a tope durante toda a noite e estragos en distintas zonas do campo. Foi o panorama que encontraron os delegados ante a chegada da selección de rugby para o seu adestramento o domingo á mañá nas instalacións deportivas do Coto, no concello de Vedra.  

"No campo tiraron as papeleiras, o extintor, había cristais no chan, nos vestiarios había auga no chan. E no baño había unha tesoira de podar, supoñemos que foi coa que cortaron a rede da portería, porque non é a primeira vez que nos cortan as redes", conta Raquel Rosende, colaboradora do Val do Ulla Unión Deportiva.

"Estragos que ao final a quen máis prexudican é ao concello e despois ás escolas deportivas de Vedra, ao equipo do Val do Ulla, aos equipos de veteranos que xogan aquí e unha mala imaxe, porque o domingo adestraba aquí a selección galega de rugby sub-18 e encontrouse con todo este petate. Abriron a auga e se vinte billas hai no campo, deixáronas botando auga toda noite", engade Alfonso Neira, presidente do equipo.

No equipo veciño de Sanmamede, a súa directiva amosou o seu rexeitamento á desfeita ocasionada no campo do Val do Ulla.

"É algo que me pon tremendamente triste e que me enfada un montón, como persoa que goza dos servizos que pon á nosa disposición o Concello, pois isto prexudícanos a todos. E como membro dunha directiva sei o esforzo que custa sacar adiante un equipo e manter un campo nas mellores condicións posibles. Isto molesta tremendamente", di Sabela Maceira, presidenta do Club Deportivo Sanmamede.

As directivas dos equipos rivais no concello de Vedra, Val do Ulla e Sanmamede, quéixanse dos estragos tamén polo custo que estes feitos supoñen para as arcas municipais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade