Cravos nunha estrada de San Vicente do Grove: "É un perigo, xa piquei a roda catro veces"
Cravos nunha estrada de San Vicente do Grove: "É un perigo, xa piquei a roda catro veces"
Aparecen cada certo tempo no lugar de Cacheirás
Vano denunciar ante a Garda Civil para tentar identificar os vándalos
Non se detectan a primeira vista. Pero cun pouco de concentración é sinxelo apañar unha boa colleita de cravos na estrada do lugar de Cacheirás, en San Vicente do Grove.
Cada certo tempo, e sen motivo aparente, alguén os sementa no asfalto. Hainos novos e enferruxados, con e sen punta, pero teñen un denominador común: sempre aparecen nos mesmos tramos da parroquia.
A Policía Local está ao tanto e os afectados están a organizarse para poñer unha denuncia ante a Garda Civil. Confían en que os axentes identifiquen os culpables, xa que os cravos, ademais dunha molestia, supoñen un perigo para coches e peóns.
Mentres o problema non se arranxa, os veciños miran o chan antes de coller o coche, e xuntan na casa a ferralla. Pero séntense impotentes, xa que nada máis limpar a zona aparecen novos exemplares para a colección.