A frota galega segue as negociacións das cotas en Bruxelas pendente do xurelo
A frota galega segue as negociacións das cotas en Bruxelas pendente do xurelo
A proposta comunitaria é de prohibir a súa pesca ao norte de Fisterra
A Xunta cre que un acordo neses termos é prexudicial para o sector, e o Goberno non entende o cambio de postura da Comisión Europea
Respecto a outras especies, incluso medran os topes e a negociación parece menos complexa
Segundo día de negociacións en Bruxelas para determinar canto peixe poderán pescar os barcos o ano que vén. Os ministros de Pesca da UE analizan as posibilidades de capturas no Atlántico e no Mediterráneo.
Para Galicia, unha das principais preocupacións é a proposta de prohibir a captura de xurelo ao norte de Fisterra, baixo o argumento de que o caladoiro está en mal estado. Si haberá aumentos ao sur de Fisterra.
A este respecto, o ministro Luis Planas, aseguraba que lle estrañaba o cambio de posición por parte da Comisión, dado que o ano anterior se autorizara a pesca dunhas 70.000 toneladas.
Para a conselleira do Mar, Rosa Quintana, a última proposta non resolve ningún destes problemas, e cre que un acordo neses termos prexudicaría a frota galega.
"Esta nova proposta non aclara máis do que tiñamos non resolve os problemas que tiñamos nin co xurelo nin coa anguía, por riba suprime as flexibilidades que había de poder capturar no ano 2023 un cinco por cento das posibilidades de captura do 2024", explica a conselleira.
No caso da anguía, pesqueira que Bruxelas tamén quere prohibir, España, Italia e Francia apostan por unha pesca controlada que en Galicia xa se fai desde hai anos. "Cremos que se poden limitar os tempos ou períodos de captura, que é posible buscar un equilibrio", di Luis Planas.
Tamén se agardan máis topes para outras especies como a pescada, xa que a Comisión Europea propón de saída un aumento do dez por cento. España pedirá tamén aumentos no abadexo e no linguado, e seguir collendo lagostino baixo campañas científicas de investigación.
No caso do Gran Sol, a maioría das capturas terá que negociarse co Reino Unido, xa que unha boa parte dos caladoiros son compartidos.
Pero o ministro español, ten outras dúas preocupacións que non lle afectan a Galicia, pero que si terán peso nas negociacións: que Bruxelas queira limitar a pesca de anguía e tamén reducir os días que poden saír ó mar os barcos no Mediterráneo.
Sexa como sexa, Planas defende no conxunto das pesqueiras "un acordo que sexa equilibrado e que nos permita continuar coa actividade pesqueira, mantendo a rendibilidade, ao tempo que se preservan os stocks biolóxicos".
Ao mesmo tempo, España pon sobre a mesa a posibilidade de establecer en futuras negociacións acordos plurianuais que lle permitan á flota traballar con maior planificación.
A flota busca alternativas
Os armadores do cerco traballan sobre a posibilidade de que finalmente non poidan coller xurelo ao norte de Fisterra. Entre as alternativas coas que traballan está a de que se lles deixe pescar máis sardiña ou axudas económicas mentres os barcos estean en terra.
Para os barcos do cerco, e tamén para o arrastre, o xurelo é unha especie fundamental. Agardan que, como mal menor, poidan coller o que se coñece como "pesca accesoria", é dicir, cando vén mesturado con outras especies. Pero dan por feito que sufrirán recortes severos.
Din que este é un exemplo máis de mala xestión porque nas Rías Baixas, onde os barcos non dan atopado xurelo, a Comisión Europea propón aumentar as cotas, mentres que no norte, onde si o hai, non o deixan pescar. Así o explicaba Alberto Castro, secretario da asociación de armadores do cerco ACERGA.
Ante a situación, como alternativa, para compensar a prohibición do xurelo, piden poder pescar máis sardiña, unha especie que non está sometida a topes comunitarios e que hai en abundancia. Tanta, din, que impide que o xurelo rexurda.