Queixas polos trastornos que causan as obras de remodelación das Pías
Queixas polos trastornos que causan as obras de remodelación das Pías
Denuncian ruído, dificultades para acceder aos garaxes e sucidade por unhas obras que comezaron hai dous anos
O futuro bulevar das Pías derrubará as barreiras entre barrios e fará máis amable a entrada en Ferrol. Polo menos iso é o que agardan residentes e comerciantes, cansos duns traballos que desde hai dous anos complican o día a día e minguan a calidade de vida da xente da zona.
Acaba de reabrir ao tráfico a estrada da Trincheira, que une o polígono da Gándara e Esteiro, e a anunciada demolición da ponte que conecta co barrio de Ultramar está prevista para os próximos días. Paseniño, comezan a verse os resultados dunha obra que, para a xente da zona, semella eterna.
"Ao estar pouca xente traballando foron moi lentos".
"É que levan moitos tempo coas obras e para chegar á casa hai que dar un rodeo tremendo".
"Isto leva moito tempo pechado e hai problemas para entra nos garaxes", son algunhas das queixas.
O Ministerio de Transportes impulsa a remodelación das Pías, financiada con fondos Next Generation. Os traballos comezaron hai algo máis dous anos, cos habituais trastornos. No hotel América quéixanse da sucidade e do ruído madrugador das máquinas.
"Eu entendo que ás oito teñen que empezar, pero ás sete da mañá paréceme un pouco esaxerado, non só para a xente do hotel, senón tamén para os veciños e para todo o barrio", láiase Emelyn Piñón, xerente do hotel.
A carón do hotel, os responsables dun concesionario de coches agardan a que o seguro asuma a reparación do cristal que rebentou unha máquina das obras. Todos esperan que os traballos, tal e como anunciou o Goberno, estean rematados a finais do ano.