Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tanxugueiras e Esther Estévez animan o Día da Lingua Materna no Gaiás

Tanxugueiras e Esther Estévez animan o Día da Lingua Materna no Gaiás

As finalistas de Eurovisión interpretaron "Terra" a capela nunha "festa do galego" conducida pola presentadora do Dígocho eu

Foi a primeira actuación do grupo galego despois do Benidorm Fest
G24.gal 20/02/2022 14:44

Nenos e familias enteiras achegábanse este domingo á cidade da cultura, en Santiago de Compostela, para participar na celebración do día internacional da Lingua Materna. Un evento no que se promociona a transmisión interxeracional de coñecementos e do patrimonio cultural dunha lingua como o galego. 

"A lingua galega, que é a nosa materna, a que nos transmitiron os nosos pais e as nosas nais, tamén queremos transmitirllela aos nosos fillos porque nos parece unha riqueza inmensa que temos neste país", relataba unha das nais asistentes.

O evento, conducido por Esther Estévez, presentadora do programa da TVG Dígocho eu, contou cun embaixador sorpresa: un grupo musical que está contribuíndo a que a música en galego acade unha dimensión internacional. 

"Nós vivimos en galego e estamos moi orgullosas da nosa lingua e de poder levala ata o máis alto", comentan dende o grupo musical Tanxugueiras.

A celebración do día da lingua materna foi proclamado pola Unesco en 1999 para traballar a prol das linguas minorizadas e da diversidade lingüística.

"Pódese vivir con orgullo falando galego e respectando a lingua materna. Nós temos dúas linguas: o castelán e temos o galego, e iso é unha gran riqueza que temos como país", asegurou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

O grupo de música infantil Trotaventos tamén puxo o seu gran de area na celebración desta efeméride co gallo de promover o relevo xeracional da lingua galega.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade