Néstor Rego continúa á fronte da UPG e chama á mobilización da militancia
Néstor Rego continúa á fronte da UPG e chama á mobilización da militancia
O congreso celebrouse baixo o lema "60 anos de loita pola soberanía da Galiza e o socialismo"
Rego chamou a activar a mobilización popular mantendo a firmeza política e ideolóxica da organización
O deputado supera a Francisco Rodriguez como dirixente con máis anos á fronte da organización maioritaria do BNG
A Unión do Povo Galego pecha o seu décimo sexto congreso coa reelección de Néstor Rego como secretario xeral.
Despois de 60 anos de vida, a UPG, forza maioritaria do Bloque Nacionalista Galego, revisou durante esta xornada o seu programa político de loita pola soberanía. Chamou ao activismo da militancia para soster e ampliar os bos resultados electorais dos comicios pasados.
O congreso contou coa participación da portavoz nacional do Bloque Ana Pontón, que recoñeceu o papel da UPG para a existencia do nacionalismo ao longo do tempo e para aumentar a súa incidencia social e electoral.
O reelixido secretario xeral, Néstor Rego, que leva desde 2012 á fronte da organización, insistiu na constancia e na firmeza política e ideolóxica para manter a forza do nacionalismo:
"Estamos aquí porque nunha Galiza cada vez máis dependente, espoliada, empobrecida polas políticas que padece, vítima dun proceso programado de desnacionalización que afecta á nosa lingua, á nosa cultura e á nosa existencia como pobo, é absolutamente necesario un nacionalismo cada vez máis forte e capaz de avanzar. É o xeito de lle poder disputar a hexemonía política ao españolismo como paso previo e imprescindible para o obxectivo final da soberanía", asegurou.