Niñodaguia recrea unha fornada de olas ao estilo tradicional
Niñodaguia recrea unha fornada de olas ao estilo tradicional
Os fornos empregáronse por última vez hai oitenta anos
Vestidos á moda de hai 100 anos, os veciños de Niñodaguia, no concello de Xunqueira de Espadanedo, reproduciron este sábado o que daquela era unha actividade cotiá na aldea: a fornada de cacharros de barro nos fornos tradicionais e comunitarios. O lume tamén avivou a nostalxia.
A mil graos de temperatura van collendo consistencia as olas nuns fornos que se empregaron por última vez hai oitenta anos.
"Son moito máis rápido que os outros porque é lume directo e enseguida sobe a temperatura", explica Agustín Vázquez Ferreiro, encargado da fornada.
Avivan o lume con serraduras para escurecer o barro mentres desde unha cadeira observa, abstraído, o cacharreiro máis antigo de Niñodaguia.
"Empecei cando andaba na escola, nos momentos en que estaba o torno na casa", lembra Benigno Vázquez Blanco.
El danos as claves dun oficio que nos seus tempos mozos alimentaba unhas corenta familias.
"Pois ter as mans lixeiras, e os ollos", subliña.
Hoxe quedan catro cacharreiros, dous a tempo completo. Jose é o máis novo.
"De aquí, loxicamente. Despois pode quedar algún en Buño, sei dun máis novo ca min, e no ámbito nacional cóntanse cos dedos das mans".
E iso que hai futuro, aseguran, con novos mercados por explorar.
"Está a xardinería, a hostalería, regalos de empresa, nós colaboramos con Adolfo Domínguez. Aquí hai vida, pero hai que crer nela", asegura Agustín Vázquez Ferreiro.
Cómpre, iso si, tempo e paciencia para aprender, algo que non abonda hoxe en día.