No Carballiño están de festa perpetua
No Carballiño están de festa perpetua
Nova vitoria do Arenteiro na liga ante o poderoso Valladolid Promesas (1-0)
O mércores xogan as semifinais da Copa Federación contra o Real Unión
O Arenteiro mantén a súa festa continua. Segue a xogar e a celebrar vitorias mércores e domingo. A fin de semana tocaba un compromiso complicado diante dun Valladolid Promesas que chegaba como líder da categoría, e o resultado foi de 1-0.
O partido foi unha batalla da que saíron vitoriosos os do Carballiño. O único gol do partido marcouno Manín Gonzaga no primeiro tempo. Tocou aguantar, defender con disciplina e buscar algunha acción á contra para sentenciar. Tivo que sufrir ata o noventa, pero os puntos quedaron na casa dun Arenteiro que iguala no segundo posto co seu rival e a só dous puntos do Guijuelo.
E como isto non para, o mércores toca semifinal da Copa Federación contra o Real Unión na que o equipo verde tentará seguir coa súa celebración permanente.