No corazón do reloxo do Obelisco: "Unha peza moi sinxela, pero moi precisa"
Inícianse os traballos de reparación dun dos monumentos máis emblemáticos da Coruña
Comezaron os traballos de reparación do reloxo do Obelisco da Coruña, un dos monumentos máis emblemáticos da cidade. Este luns o equipo técnico encargado dos traballos levou a cabo a primeira diagnose do famoso aparello.
O Obelisco foi rodeado cun valado, unha gaiola temporal. Os operarios do Concello instalaron este peche para que poidan comezar os traballos de reparación do reloxo.
O equipo técnico responsable da restauración deu o primeiro paso, nada complexo, pero imprescindible: acceder ás entrañas do reloxo e botar unha primeira ollada. "Hai que empezar a casa polos alicerces. Non se pode empezar polo tellado. Entón, iniciamos polo corazón do reloxo, a maquinaria", di David Rodríguez, reloxeiro.
"É unha maquinaria de forza constante, unha peza moi sinxela, pero moi precisa", explica David. "O que imos facer é recuperar a simplicidade e a precisión que esta máquina tiña que ter cando era nova".
O reloxo do Obelisco ten como soporte unha columna oca, octogonal na súa base. Aquí é onde se sitúa a maquinaria e aquí é onde comeza o traballo. "Sacamos o péndulo, que é o órgano regulador do reloxo", conta José Antonio García Prado, "é de madeira e ferro".
Este equipo de catro reloxeiros xa traballou conxuntamente na reparación do reloxo da praza de María Pita. Agora teñen por diante outro desafío, reparar outro monumento emblemático da Coruña e, quen sabe, se os traballos van ben, quizais se poida recibir o 2022 observando as súas agullas.