Reivindican o valor da lingua de signos para a inclusión das persoas xordas
Reivindican o valor da lingua de signos para a inclusión das persoas xordas
Desde 2007 as linguas de signos españolas están recoñecidas por lei como linguas oficiais das persoas xordas
As linguas de signos garanten o acceso das persoas xordas á educación, os servizos, a vida económica, a cultura, os medios de comunicación e as novas tecnoloxías
Contacontos para xordos e oíntes para familiarizarse coa lingua de signos desde as idades máis temperás. A lingua de signos é a lingua natural das persoas xordas.
O acceso a ela garante a súa plena inclusión desde a infancia. Antonio Eduardo Regueiro conta a súa experiencia como estudante.
"A verdade é que co intérprete comprendía todo o que dicían os profesores e entón aí o meu desenvolvemento foi moito mellor". Oiana Piñeiro, tamén estudante, explica: "Sen intérprete non entendía nada do que me dicían [na clase] porque eu preciso a lingua de signos".
A presidenta da Asociación Galega de Familias de persoas xordas Isolina Piñeiro apunta: "O alumnado con problemas de audición pode estar un mes ou dous meses nas clases sen saber que pasa. Ás veces póñenche un intérprete outras veces quítancho, pero claro o meu fillo segue a ser xordo, o ano que vén non é oínte".
En España hai dúas linguas de signos recoñecidas oficialmente desde 2007. Son a española e a catalá. A lei garante a través delas o acceso das persoas xordas non so á educación, tamén aos servizos, a vida económica, a cultura, os medios de comunicación e as novas tecnoloxías.
"Na asociación e a federación loitamos xuntos para que se cumpra a normativa e a lei da lingua de signos e para que a accesibilidade sexa plena, por exemplo, que contemos con intérpretes de lingua de signos, que a inclusión laboral sexa plena. O certo é que faltan moitas cousas por facer", asegura Luis López, presidente da Asociación de persoas xordas da Coruña (ASPESOR).
Por iso, cada 14 de xuño conmemórase o día das linguas de signos españolas para difundir así o seu valor e utilidade.