No Eixo Atlántico non ven avances nas grandes infraestruturas
No Eixo Atlántico non ven avances nas grandes infraestruturas
O secretario xeral do organismo fai un balance negativo da última lexislatura
Vázquez Mao avoga por fomentar a rede de proximidades e os centros tecnolóxicos
O secretario xeral do Eixo Atlántico afirma que non se avanzou nada en grandes infraestruturas na última lexislatura. Bota en falta un metro-tranvía nas áreas metropolitanas, o acceso ao Porto Seco de Monforte ou o plan director para o corredor atlántico.
"Do que ten que ver coa Xunta, non se fixo nada; e do que ten que ver coa negociación de Madrid, tampouco se reclamou nada", subliña Xoán Vázquez Mao.
Vázquez Mao pide que nos próximos catro anos se favoreza a mobilidade e destaca a importancia de dispoñer dun bo sistema de proximidades.
"As proximidades, pola estrutura de Galicia, hai anos que se veñen reclamando. É dicir, un sistema ecolóxico, rápido, que comunique as nosas cidades, as nosas universidades", puntualiza.
O secretario xeral do Eixo Atlántico avoga tamén por impulsar centros tecnolóxicos. Subliña que no norte de Portugal hai 42, cando Galicia non chega á decena.
"E ninguén está falando da necesidade de impulsar centros tecnolóxicos, ligados por exemplo no interior aos sectores agroalimentarios, para impulsar a economía e ao tempo fixar poboación no interior porque ninguén fala tampouco do problema demográfico, que en Galicia é moi grave", lamenta.