No poboado mineiro de Vila de Cruces reclaman melloras no servizo de telecomunicacións
No poboado mineiro de Vila de Cruces reclaman melloras no servizo de telecomunicacións
Quéixanse de que as operadoras lles negan o servizo de fibra óptica, de mala cobertura telefónica e de deficiente recepción do sinal de televisión convencional
Ao lonxe no tempo o poboado mineiro de Fontao foi unha zona de esplendor pola extracción de volframio. As casas xa tiñan equipamento, como duchas, daquela inédito na zona.
Máis de sesenta anos despois, na actualidade as case oitenta familias residentes nestas vivendas de protección pública chaman a atención dos gobernantes porque non dispoñen de servizos necesarios como telefonía, Internet ou mesmo bo sinal de televisión.
"Consideramos que non é un problema menor, porque ao final non temos acceso á televisión pública. Aquí hai moitas persoas que non poden ver, por exemplo, a Televisión de Galicia. E nós reclamamos que iso ten que ser como é; un dereito e que poidan ter acceso gratuíto e para iso haberá que cambiar a rede de cables ou non sei, porque non somos técnicos", di Paula Rivela, presidenta da asociación veciñal Minas da Brea.
Sobre o acceso á fibra engade que "as compañías no momento en que lles dis que vives aquí xa che responden que non poden facer nada. É algo que non comprendemos, porque temos a fibra óptica ás portas do poboado, pero no momento en que chegan aquí din que non poden instalala porque a rede de cable do poboado non está en condicións".
Tamén reclaman a reposición e mantemento dos bens do espazo público, como os aparellos do parque infantil, que seguen a deteriorarse ata que van quedando inservibles. Rivela sinala que no poboado hai uns corenta rapaces a rapazas menores de dezaoito anos.
A representante veciñal afirma que precisan solucións sen máis demora: "Recorremos non só ao Concello, senón tamén ao Instituto Galego de Vivenda e Solo. Non temos claro de quen é a responsabilidade, porque uns bótanlles as culpas aos outros e nós o que queremos é que se arranxe xa".
Nos seus pedimentos estes veciños do concello de Vila de Cruces alertan tamén do risco que teñen coa maleza que envolve o antigo terreo mineiro e que rodea todo o poboado