Nogueira de Ramuín é o municipio galego máis barato para mercar unha casa
Nogueira de Ramuín é o municipio galego máis barato para mercar unha casa
Segundo o portal inmobiliario Idealista o prezo medio do metro cadrado é de 543 euros
O concello está a situado a 20 quilómetros de Ourense, uns 20 minutos en coche, na Ribeira Sacra ourensá
A veciñanza destaca a calidade de vida da que goza, con tranquilidade e con todos os servizos
Un coñecido portal inmobiliario sitúa o concello de Nogueira de Ramuín como o máis barato de toda Galicia para mercar unha vivenda. Segundo o Idealista o prezo medio do metro cadrado é de 543 euros, un dato que converte esta localidade ourensá nun lugar interesante para investir e vivir.
A veciñanza de Nogueira de Ramuín destaca a calidade de vida da que gozan neste lugar.
"Un lugar idóneo para vivir, porque ten moitos servizos, hai colexio, temos escola infantil, hai médicos e supermercados. Eu creo que é unha zona moi bonita, estamos na Ribeira Sacra".
"Sen dúbida para min é o mellor sitio, na calidade de vida que hai, preto da cidade e hai de todo".
"Ten vantaxes porque está cerca da capital, 20 minutos, zona turística e paisaxística moi boa, a Ribeira Sacra".
"Paréceme un concello perfecto porque hai tranquilidade e tes todos os servizos moi preto".
"E a Ribeira Sacra que é unha bendición de Deus".
Cun prezo medio de 543 euros o metro cadrado, o coñecido portal inmobiliario sitúa este municipio ourensán como o máis barato de Galicia para mercar unha vivenda.
"Vivenda hai pouca, pero a pouca que hai á venda está accesible ao peto da xente".
"De feito, xa se levan vendidas moitas casas. O problema que hai é que hai moita casa baleira, casa vella e claro o que vén quere comprar e meterse nela, e estas casas hai que restauralas".
Charo é unha desas novas veciñas que hai seis meses mercou co seu marido unha casa nunha aldea do municipio.
"Estámola arranxando pouco a pouco. Viñemos de Barcelona a vivir aquí, porque nos gusta Galicia".
Segundo o Idealista o prezo medio do metro cadrado en Galicia é de 1.359 euros, o que converte a Nogueira de Ramuín nun lugar con moitos atractivos para vivir.