O orzamento do Bono Deporte está calculado para cubrir todos os federados de entre 6 e 16 anos
O orzamento do Bono Deporte está calculado para cubrir todos os federados de entre 6 e 16 anos
Poderá descargarse ata o 29 de febreiro e hai que usalo antes do 1 de xullo
Moitas familias acoden estes primeiros días aos máis de 700 comercios e entidades deportivas por medo a non poder beneficiarse do Bono Deporte da Xunta.
"Eu vin por iso. Tiña medo a quedar sen el. Non sei canto vai durar e viñemos rapidiño por se acaso", comenta unha nai.
"Está sendo de tolos", conta Fernando Pardo, o xerente de Helya. "Esperemos que non se esgote e que o poida utilizar todo o mundo que o solicitou", di unha clienta.
Os destinatarios son os menores de entre 6 e 16 anos que practiquen algún deporte con licenza federada ou do Programa Xogade. O orzamento do bono supera os 16 millóns de euros.
"A xente identifícao co Bono Comercio. Pero non ten nada que ver. Neste caso está moi claro porque os que estean federados van ter o bono", explica Montserrat Martínez, a propietaria de Atmósfera Sport Coruña.
"O que di o DOG é que, se o bono se descarga, ese bono xa é da persoa ata o 1 de xullo e ten ata o 30 de xuño para investir ese importe", engade Fernando Pardo.
Será un máximo de 120 euros, do que se descontará o 80 por cento do custo de cada compra ata esgotalo.
"Estamos vendo que están collendo cousas que ao mellor non collerían se non tivesen o bono", di Montserrat Martínez.
"Hai máis orzamento ca noutros casos, así que que non apuren tanto e que invistan ben os cartos que teñen", argumenta Ior Galindo, propietario de Igarobikes.
O prazo para descargalo esténdese ata o 29 de febreiro.