Non deixes pegada do teu paso por Compostela nas pedras da zona vella
Non deixes pegada do teu paso por Compostela nas pedras da zona vella
Repítense as pintadas de visitantes na zona vella de Santiago
A veciñanza e o Concello pídenlles aos turistas incívicos respecto polo patrimonio e a cidadanía
Hai preocupación nas cidades máis turísticas polos actos incívicos que poden cometer os visitantes no patrimonio histórico. Esta semana houbo outra mostra en Santiago.
Cando alguén emprega o patrimonio histórico dunha cidade coma se fose o seu muro nas redes sociais ocorre isto. Son as pegadas que deixan visitantes con comportamentos incívicos que precisan dicirlle ao mundo que estiveron en Compostela.
A mesma veciñanza que atura os berros ou o lixo ciscado dos vándalos, vai arquivando mostras das mensaxes, gravadas e pintadas na pedra, que aparecen semana tras semana, e que ninguén comprende.
"Paréceme unha vergoña que se faga iso, sexas de aquí ou de fóra".
"Paréceme unha falta de respecto facelo nun lugar que non estea indicado para ese fin. Pode ser unha boa idea poder deixar dalgún xeito mostra do teu paso por aquí pero para iso poderían establecer un lugar para facelo. Este é un lugar patrimonio e queda moi feo facer pintadas".
"É algo que se fixo historicamente. Aínda estivemos na catedral de Oviedo e quedou unha pegada de aquí estivo alguén en 1200. Iso fíxose sempre, pero hai que conservar o patrimonio. Isto parécenos mal".
A campaña de turismo consciente do Concello de Santiago incide no código de boas prácticas e amosa o fráxil que é esta cidade, Patrimonio da Humanidade. Pide respecto, responsabilidade e coidados tamén aos que só están de paso en Compostela.