Nova campaña de prospección arqueolóxica no galeón da ría de Ribadeo
Nova campaña de prospección arqueolóxica no galeón da ría de Ribadeo
Búscase afondar no coñecemento da construción naval da época e do proceso de naufraxio
Na ría de Ribadeo arrincou a que é xa a quinta campaña de prospección arqueolóxica dun galeón do século XVI descuberto hai unha década.
Os traballos de investigación do San Giacomo de Galizia comezaran en 2018. Dende aquela fóronse rexistrando e documentando distintas partes do pecio, coa finalidade de afondar no coñecemento da construción naval da época e do proceso de naufraxio.
Pablo Fernández Ferreira, presidente do Real Club Náutico de Ribadeo: "Co material atopado fixemos varias exposicións e charlas. Estamos encantados de colaborar, posto que fan algo que lle dá moita vida ao club, e gustaríanos musealizar todo ese material aquí no porto".
Na campaña, que promove e financia a Consellería de Cultura, participan investigadores da Universidade de Southampton ou da Universidade Nova de Lisboa. Ademais, colaboran o Club Náutico de Ribadeo, o Concello, a Armada ou Gardacostas de Galicia.
Pablo Fernández Ferreira, presidente do Real Club Náutico de Ribadeo: "Como novidade, ademais dos mergulladores da Armada e dos arqueólogos da Xunta, este ano tamén veñen os da Policía Autonómica".
Esta nova campaña arqueolóxica comeza precisamente logo de rematar outra en Castropol, na outra beira da ría de Ribadeo. Nela atoparon a estrutura doutro pecio na zona de Arnau, onde xa foran localizados dezanove canóns.