Nova cazolada na rúa Biscaia, nos Mallos, para protestar pola inseguridade
Nova cazolada na rúa Biscaia, nos Mallos, para protestar pola inseguridade
Os veciños esixen máis control e vixilancia policial na zona por un suposto narcopiso
Os veciños dos Mallos están fartos. "Asubían e danlle golpes a un contedor para avisar a persoa que lles subministra. E así todos os días, día e noite".
Ese é o código que teñen, segundo os veciños, para mercar a droga. Fartos da situación decidiron gravar varias escenas para deixar constancia do que está a pasar.
"De madrugada ou a plena luz do día hai unha trasfega de xente entrando e saíndo do portal", asegura un dos afectados.
Discusións, pelexas, roubos, berros, ruídos... son outras das súas queixas. "E todo iso crea moita inseguridade. Hai un colexio e unha gardería aquí preto... E xa estamos cansos", aseguran.
Por todo isto, o xoves pasado, os propietarios do número 58 da rúa Biscaia, onde está o suposto narcopiso, apoiados por outros veciños, xa protagonizaron unha cazolada que van repetir esta tarde a partir das sete.