Nova proposta para a fusión dos concellos de Santiago, Teo e Ames
Nova proposta para a fusión dos concellos de Santiago, Teo e Ames
A iniciativa procede do empresariado que está representado no Club Financeiro de Santiago
A meta é conseguir un concello de 150.000 habitantes, que sería o terceiro de Galicia
Fusións de concellos si ou non? As identidades locais e os intereses políticos supoñen un freo. De feito, en todo o Estado na última década só se produciron tres fusións e dúas foron en Galicia. Agora o Club Financeiro de Santiago relanza a idea de integrar Compostela, Ames e Teo. Unha das razóns esgrimidas é que moitos veciños destes dous últimos municipios realizan a maior parte da súa vida en Santiago.
"O desenvolvemento urbanístico nun momento determinado provocou que se fixeran polígonos urbanísticos nestes concellos e eses veciños seguen vivindo practicamente e facendo vida en Santiago. Serían de facto veciños de Santiago, pero de dereito, mellor dito, son de Teo ou de Ames", matiza Roberto Pereira, presidente do Club Financeiro de Santiago.
O obxectivo: mellores servizos públicos e máis baratos conformando un concello único duns 150.000 habitantes. Unha das opcións sería a consulta en urna aos veciños. Hai un exemplo materializado este mesmo ano.
"Os concellos de Estremadura de Don Benito e Villanueva de la Serena efectivamente fixeron un referendo entre todos os veciños, que aprobaron a súa fusión. Na nosa regulación, na nosa lexislación non está previsto que sexa necesario, pero podería facerse sen ningún problema", indica Roberto Pereira.
E cal é posición dos representantes municipais? O alcalde de Teo está claramente a favor da unión, mentres os de Santiago e Ames son partidarios, polo de agora, de reforzar unha mancomunidade de servizos compartidos.