Publicador de contidos
Publicador de contidos

Nova xornada de atrasos e incidencias nas estacións de tren galegas

Nova xornada de atrasos e incidencias nas estacións de tren galegas

Os atrasos dos trens Avril tamén afectan os viaxeiros de media distancia

Desde xullo Renfe só indemniza os atrasos de máis dunha hora na alta velocidade

 

G24.gal 09/08/2024 14:58

O Alvia Santiago Madrid de primeira hora chegou hoxe a destino con 46 minutos de atraso. O que viña de Madrid a Ferrol atrasouse 15 minutos, e os viaxeiros dun rexional de Vigo acabaron chegando en bus. Unha nova xornada de incidencias que, segundo lamentan algúns pasaxeiros, se repiten con demasiada frecuencia.

"A liña de Ourense a Santiago ten atrasos con moita frecuencia".

"O meu tren atrasouse, paraba cada pouco e quedaba sen luz".

"O de Ourense que vén de Madrid ás veces tarda moito en chegar aquí".

A chegada dos trens Avril a Galicia fíxose agardar, pero agora que están operativos continúan as esperas, con atrasos en 8 de cada 10 convois. Un problema que tamén afecta aos viaxeiros de media distancia.

"Renfe moitas veces usa trens de longa distancia para facer o servizo Avant de media distancia, polo que tamén padecemos eses atrasos. O que queremos os usuarios habituais é un bo servizo que nos permita chegar a tempo a traballar ou estudar", explica Lucas García Blanes, voceiro da Plataforma de Usuarios de Trens de Media distancia de Galicia.

A esta situación súmase o recorte das indemnizacións. Desde xullo deixaron de compensarse os atrasos de quince minutos nos servizos da alta velocidade. 

"Na media distancia non nos afecta porque temos o bono gratuíto, pero con esta decisión Renfe amosa a súa falta de compromiso coa calidade.  Se aumenta o tempo para indemnizar é que son conscientes de que non van ser puntuais, e que os trens van chegar cada vez máis tarde", lamenta o voceiro.

Demandan un servizo de maior calidade, con máis puntualidade e frecuencias, sobre todo a primeira hora para que os traballadores se poidan desprazar entre as cidades.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade