Novo accidente dunha embarcación contra unha batea na ría de Arousa
Novo accidente dunha embarcación contra unha batea na ría de Arousa
Unha das ocupantes resultou ferida nas costelas e evoluciona favorablemente no hospital do Barbanza
Na Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa actualizaron a regulamentación, establecendo unha velocidade máxima para navegación polos polígonos bateeiros
Unha lancha rápida colidiu contra unha batea o domingo á tarde, en aguas da ría de Arousa. Foi á altura do arquipélago dos Guidoiros, nunha zona de bateas ao norte do illote Pedregoso. A bordo ían un home e unha muller, que foron rescatados pola embarcación de Salvamento Marítimo e trasladados ao porto de Ribeira. A muller feriuse nas costelas e evoluciona favorablemente no hospital do Barbanza.
Non é o primeiro choque dunha embarcación contra unha batea en Arousa, a máis recente, en xullo, acababa coa vida dunha veciña de Vilaxoán.
O Capitán marítimo de Vilagarcía de Arousa, Juan Andrés Pérez, repasaba as colisións que se produciron nos últimos anos: "Tivemos unha a comezos de verán con resultado de morte, e o ano pasado pola procesión do Carme tamén tivemos outra con resultado de morte".
Casos coma estes subliñan a necesidade de observar un respecto estrito ao regulamento de navegación, con especial mención á velocidade.
O capitán marítimo de Vilagarcía de Arousa lembra que "temos unha norma xeral, o COLREG, que é o regulamento internacional para previr as abordaxes e que regula tanto a vixilancia permanente coma a velocidade de seguridade. Calquera capitán debe manter sempre unha garda permanente e adecuar a velocidade do buque ás condicións da contorna".
Para evitar accidentes contra as bateas, a Capitanía Marítima de Vilagarcía actualizou este ano as normas de seguridade de 2002, establecendo unha velocidade máxima nos polígonos bateeiros, cun perímetro de navegación de cincuenta metros.
Juan Andrés Pérez, capitán marítimo de Arousa destaca que "hoxe na nosa ría, igual que na de Vigo que é de onde eu tomo esta referencia, establecemos unha velocidade máxima de 8 nós."
Na ría de Arousa hai preto de dúas mil cincocentas bateas, polo que extremar as precaucións é unha necesidade.