Novo ataque do oso a unha explotación apícola dos Ancares
Novo ataque do oso a unha explotación apícola dos Ancares
As colmeas dun apiario de Cervantes sufriron danos por terceira semana consecutiva
Atribúen a varios exemplares a destrución de 40 colmeas, valoradas nuns 6.000 euros
Por terceira semana consecutiva, o oso atacou unha explotación apícola de Cervantes. Desta volta, os apicultores instalaron cámaras, que captaron o momento do ataque.
Nas imaxes, vese como o animal tira as colmeas para comer os panais das abellas, que o pican no fociño. Só se asusta cando acenden unha lanterna.
Óscar Cedrón, apicultor: "Medo, pouco ten. Co ruído do todoterreo non se espantaba. Só un pouco coas luces. Agochábase un pouco entre a maleza, pero ao apagar a lanterna, pasados uns minutos ía outra vez á colmea".
En total, o oso estragou 40 colmeas, valoradas en máis de 6.000 euros. Ante os tres ataques sufridos en quince días, e dado que o pastor eléctrico non resultaba efectivo, os responsables da explotación optaron por retirar a alvariza de Cereixedo, situada a uns 1.200 metros de altitude.
Óscar Cedrón, apicultor: "Para que aprenda que aí non hai nada. Seguímolo vendo nas cámaras, que segue indo. Pasado un tempo, volveremos cerrar co pastor, a ver se é a solución".
Os apicultores cren que gravaron dous exemplares distintos de oso pardo, o último deles máis vello. Unha vez acudiron os axentes ambientais, están pendentes de ser indemnizados.
Óscar Cedrón, apicultor: "Ten que haber sitio para o oso e para as abellas. Pero se pos todos os teus medios e o oso segue pasando, alguén se debería responsabilizar deses danos. Creo que é así".
Á explotación afectada, Casa da Torre, quédanlle agora medio milleiro de colmeas, repartidas nunha decena de apiarios.