Nacen no Rosal dous flamengos, os primeiros fecundados e nacidos en Galicia
Nacen no Rosal dous flamengos, os primeiros fecundados e nacidos en Galicia
Foi nun núcleo zoolóxico autorizado dun matrimonio que trouxera cinco crías no 2020
Dúas crías de flamengos nacidos no Rosal hai tres semanas convértense nos primeiros desta especie fecundados en Galicia. O matrimonio formado por José e Rosa Liria teñen un núcleo zoolóxico autorizado onde conviven outras aves, algunha considerada unha auténtica rareza como a avetarda surafricana.
Un amigo do matrimonio trouxo desde Andalucía, desde Xerez, cinco crías no 2020. Parecía imposible que só catro anos despois unha parella de aquelas, flamengos en cativerio, sacara adiante dous ovos. Os dous pequenos teñen hoxe a documentación emitida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica en regra.
"Son un encanto. Nós entramos ao aviario e rodéannos en todo momento. Non se asustan para nada, é unha ave moi dócil, moi bonita e moi agradecida. Monógama. O macho e a femia comparten a incubación e a alimentación dos seus polos. É un espectáculo velos", conta a TVG José Carlos Fernández, criador de aves.
Nesta parcela do Rosal, un núcleo zoolóxico autorizado, hai ata cen aves de especies distintas. Rarezas como a avetarda de Kory, grúas xaponesas ou africanas coroadas, papagaios, cacatúas. Pero, cal e o sentido de criar aves en cativerio para este galego?
"Isto é conservación. A cría en cativerio é o futuro de moitas especies, cando se está falando que o humano está deforestando o Amazonas, acabando co hábitat onde viven moitas especies, para plantar soia ou palma. Se por enriba prohibimos a cría en cativerio, onde van vivir estas aves? Nalgún sitio as teremos que ter. Os nosos sucesores coñecerán as aves de velas nos libros, porque nas selvas non as van ver", explica José Carlos Fernández, criador de aves.
Na parcela de Xosé e Rosa Liria hai unha parella de minás de Balí, unha ave en perigo de extinción.