O oso estraga media ducia de colmeas nunha explotación apícola de Baleira
O oso estraga media ducia de colmeas nunha explotación apícola de Baleira
O ataque súmase aos rexistrados nos últimos meses tamén na montaña lucense
Un novo ataque do oso provocou danos de importancia nun apiario de Córneas, en Baleira. Tal como puideron constatar os técnicos de Medio Ambiente, o animal tirou media ducia de colmeas, valoradas nuns mil euros polo seu dono.
O plantígrado escolleu precisamente as colmeas que estaban máis cheas de mel. Como resultado da súa incursión, a explotación apícola perdeu ata a décima parte das súas abellas.
Ricardo Sánchez Lombardía, veciño de Córneas: "Onde hai mel, e onde vai. E onde hai máis, que ese ten moitas".
Para evitar novos ataques, o apicultor instalou un pastor eléctrico. Así e todo, na parroquia veciña de Castrolanzán tamén o instalaran, pero iso non impediu que o oso estragase unha vintena de colmeas da explotación que lle arrendou o terreo á comunidade de montes.
Ramón González, comuneiro de Castrolanzán: "A empresa estivo aquí e dixo que levan días mirando os apiarios co pastor posto, e entran dentro do pastor. Sacan a terra e métense por baixo para entrar igual".
Ricardo Sánchez Lombardía, veciño de Córneas: "Nunca oín na miña crianza que houbese osos por aquí. Nunca, pero agora virá".
Estes últimos ataques en Baleira, na comarca da Fonsagrada, veñen sumarse a outros rexistrados en Cervantes, na serra dos Ancares. En total, no que vai de ano o oso tirou xa preto dun cento de colmeas na montaña lucense.