Un estudo para predicir a ruta das candorcas di que atacan os temóns como práctica para cazar atún
Un estudo para predicir a ruta das candorcas di que atacan os temóns como práctica para cazar atún
Un científico do Grove analiza a temperatura da auga para saber onde haberá atún vermello, e polo tanto, candorcas
Os prognósticos estanse cumprindo polo de agora e estes cetáceos chegarán a Galicia en poucas semanas
Un estudo reforza a hipótese de que as candorcas atacan os temóns dos veleiros porque os utilizan para facer prácticas para cazar atúns. É o que di un informe dun científico do Grove que ademais, medindo a temperatura da auga, poderá predicir aproximadamente onde estarán os grupos de candorcas ao longo do ano.
O estudo confirma que as candorcas sempre van atrás da súa comida favorita: o atún vermello. Pero, como o atún é máis rápido ca elas, para que non fuxa, teñen que traballar en grupos: illar un exemplar e romperlle a aleta para que non poida nadar. Para practicar esa manobra, usan os veleiros, xa que o temón se parece a esas aletas.
O estudo conclúe que, dependendo da temperatura da auga, pode predicirse onde van darse as condicións óptimas para que haxa atún vermello. E onde haxa atún vermello, haberá candorcas.
O informe indica que se poderá predicir, aproximadamente, onde vai haber candorcas. Pero xa conclúe un mapa. Na primavera e no inverno, adoitan estar no norte de África e no estreito de Xibraltar. A medida que vai chegando o verán, van subindo pola costa de Portugal ata a costa francesa.
Eses prognósticos estanse cumprindo xa agora. Estes días hai avistamentos de candorcas fronte a Lisboa. En poucas semanas, estarán na costa galega.