Novo paquete de 450 millóns de euros en axudas directas aos transportistas
Novo paquete de 450 millóns de euros en axudas directas aos transportistas
O Consello de Ministros aprobará o Decreto Lei antes do 2 de agosto
A nova norma obriga a asinar os contratos por escrito e cambia o sistema de subcontratas
O Goberno vai aprobar antes do 2 de agosto un decreto lei de axudas ao transporte. As medidas foron acordadas co sector e recollen basicamente a súa petición de non traballar a perdas.
Son subvencións directas que se darán por número e tipo de vehículo. A novidade respecto ás anteriores de marzo é que desta volta entran tamén os autobuses urbanos.
"Son 1.250 euros por camión, 950 euros por autobús, 500 euros por furgoneta e 300 euros por vehículos lixeiros (taxis, ambulancias e vehículos VTC)", explicou Raquel Sánchez, Ministra de Transporte.
Cambios estruturais
O Goberno afirma que o decreto lei pretende corrixir as asimetrías no sector do transporte e garantir a súa sustentabilidade. Obriga a asinar os contratos por escrito e quere cambiar o sistema de subcontratas. Raquel Sánchez dixo que van avanzar nos mecanismos para que esa subcontratación sexa xusta. Acordaron co Comité Nacional de Transporte por Estrada que esas medidas non van estar no decreto lei porque non dá tempo, pero, en calquera caso, o compromiso está asegurado.
A norma tamén inclúe a posibilidade de que outras administracións poidan modificar os contratos de transporte de viaxeiros para compensar as concesionarias polo suba do combustible.