Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sanxenxo acollerá un novo ciclo de FP básica dual de cociña e restauración

Sanxenxo acollerá un novo ciclo de FP básica dual de cociña e restauración

Pretende fomentar a empregabilidade do alumnado na comarca

G24.gal 09/04/2022 16:53

O IES de Vilalonga, no concello de Sanxenxo, ofertará o vindeiro curso un novo ciclo de formación profesional básica dual de cociña e restauración. As clases prácticas desenvolveranse nas instalacións do antigo colexio CEIP O Cruceiro.

Ademais de ensinar, pretende fomentar a empregabilidade do alumnado, grazas ao compromiso do Consorcio de Empresarios Turísticos do municipio de incorporalos ao mercado laboral. 

"Vai posibilitar que os alumnos que fagan este ciclo se formen, se especialicen e teñan unha formación de calidade. E esa calidade que van recoller fará que os vosos negocios sexan máis competitivos e sexan mellores no presente pero tamén no futuro", asegura Román Rodríguez.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade foi un dos asistentes ao acto de presentación do ciclo, no que tamén participaron representantes doutras administracións e membros da comunidade educativa, pendentes da organización do vindeiro curso para a ESO e o bacharelato.

Román Rodríguez considera que a aprobación tardía do novo plan curricular, por parte do Ministerio, está xerando moita preocupación. 

"Imos con moitísimo atraso debido á tardanza da publicación dos currículos por parte do Estado, tanto para ESO como para bacharelato. Compartimos a preocupación que teñen os centros educativos, xa que nestes momentos tiñan que estar planificando o curso que vén".

Galicia presentará o seu plan autonómico despois da Semana Santa tras un ritmo frenético de traballo para poder comezar a súa tramitación administrativa canto antes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade