Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detectan novos gromos da enfermidade hemorráxica epizoótica en Parada de Sil

Detectan novos gromos da enfermidade hemorráxica epizoótica en Parada de Sil

A vacina está dispoñible, pero non se recomenda en granxas xa afectadas

Os gandeiros usan tratamentos antibióticos e antiinflamatorios

Andrés Pavón/Antonio Outumuro 12/08/2024 14:07

Unha vaca é a última vítima da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) en Parada de Sil. Os veterinarios traballan aplicando tratamentos e vacinas para atallar canto antes unha doenza que está a causar alteracións no normal funcionamento das granxas.

"Presentan síntomas primeiro nas mucosas e no fociño e logo xa paran de andar e de comer. É raro porque unhas teñen moita afectación e outras ningunha", relata Antonio Bertólez, gandeiro.

A mortaldade derivada da EHE é moi baixa e a maioría das vacas que a padecen recupéranse por completo. Iso si, xa se estudan posibles efectos na fertilidade. O que está garantido é a total salubridade e calidade da carne.

"Os consumidores poden estar tranquilos porque nos matadoiros garanten a plena trazabilidade e bo estado da carne analizada", di Carlos Díaz, gandeiro.

Nas explotacións onde se deron casos non é recomendable aínda aplicar a vacina. O que se fai é tratar de minimizar o impacto, algo que leva moito tempo.

"Tes que estar pendente todo o día dos contaxios e xa non podes facer outros traballos", explica Ernesto Prieto, gandeiro.

Polo de agora, a provincia de Ourense é a máis afectada pola enfermidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade