Así son os cambios na normativa de equipaxes de man: 10 quilos máximo e tamaños unificados
Así son os cambios na normativa de equipaxes de man: 10 quilos máximo e tamaños unificados
Os cambios no acceso aos avións serán efectivos a partir do 1 de setembro e tamén afectan os líquidos, que volverán limitarse a un máximo de 100 mililitros
"A verdade é que o temos todo moi claro, explicáronnos todo moi ben, sabemos os quilos que podemos levar, o que pode ir na maleta e o que non e non temos ningún problema", apunta unha muller.
Resulta raro atopar a alguén que o teña tan claro porque o tema da equipaxe de man xera moita confusión entre os viaxeiros. Cada compañía impón as súas medidas e moitos optan por facturar todo para evitar problemas á hora de embarcar.
"Despois de que me cobraran varias veces 75 euros chegando á porta de embarque pois un xa se protexe"; "Normalmente xa chegas a un punto que xa facturas de máis por evitar eses problemas"; "Temos que facturar moito máis e hai que pagar por todo", comentan varias pasaxeiras.
A partir do 1 de setembro entran en vigor cambios que afectan a equipaxe de man. Algúns teñen que ver coas dimensións. O que pretenden é unificar criterios e que todas as compañías se rexan pola mesma medida. A Comisión Europea suxire un tamaño de maleta ou mochila de 55x40x22 centímetros e un peso máximo de 10 quilos.
"Estaría xenial, a min paréceme moi importante porque efectivamente con Ryanair, con Vueling non é o mesmo e sempre tes un pouco de medo a ver que pasa no último minuto, así que estaría moi, moi ben".
"Oxalá, que fose máis sinxelo, que estivese ben especificado, que ti á hora de mercar o billete souberas exactamente todo, si oxalá", contan durante a ringleira de facturación.
O outro cambio ten que ver cos líquidos. Nalgúns aeroportos dotados de escáners 3D permitían pasar un volume maior sen necesidade de sacalos da equipaxe durante o control. Agora iso cambia, en principio de xeito temporal e en todas as terminais europeas volve a restrición dos 100 mililitros porque esta tecnoloxía 3D incumpre co regulamento. De novo son os pasaxeiros os que sofren as consecuencias.
"Pois que lea, moi mal, moi mal retrocedemos". "Antes creo que se podía, agora non, non sei como quedou o tema pero pola dúbida non levamos nada para que non nolo quiten e xa está", explican os viaxeiros.