O vento puido ocasionar o derrubamento do escenario no Monte do Gozo
O vento puido ocasionar o derrubamento do escenario no Monte do Gozo
Os informes periciais determinarán se puido un refacho provocar a caída da estrutura
Un dos seis traballadores feridos no accidente segue ingresado en coidados intensivos
A organización do festival O Son do Camiño asegura que se vai celebrar nas datas previstas
A medida que avanzan as horas, vanse acoutando as causas que provocaron este venres no compostelán Monte do Gozo o colapso do escenario onde se vai celebrar o festival O Son do Camiño.
Dende a Xunta apuntaban este sábado con cautela cara a un refacho de vento como o posible causante de que a estrutura se viñera abaixo.
Os ferros que caeron, presumiblemente tamén arrastraron o operario que estaba nesa zona, e que resultou ser o ferido máis grave despois de precipitarse dende unha altura duns vinte metros.
O resto da estrutura caeu sobre outros cinco técnicos, que tamén sufriron danos de diversa consideración.
Con todo, estase á espera dos informes dos inspectores de traballo e do Instituto Galego de Seguridade, así como da Policía Nacional, para determinar con precisión os motivos do derrubamento da estrutura metálica.
"Desexar que a evolución dos feridos sexa favorable, que se recuperen canto antes. Nestes momentos hai unha investigación aberta por parte da inspección de traballo e tamén dos técnicos do Instituto de Seguridade e Saúde de Galicia", comentaba o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo.
O festival tiña previsto botar a andar o vindeiro xoves, xornada na que se agarda que asistan máis de 40.000 persoas. A organización do evento confirmou que o Son do Camiño se celebrará nas datas establecidas, aínda que traballan nos axustes pertinentes, dos que informarán con antelación.