Publicador de contidos
Publicador de contidos

O afundimento dun barco de pesca en Pontedeume mobiliza a Armada

O afundimento dun barco de pesca en Pontedeume mobiliza a Armada

Mergulladores do corpo foron reflotalo

A Xunta activou o nivel mínimo de emerxencias porque o barco verteu algo de gasóleo

Afundiuse cando estaba amarrado e baleiro

O suceso deixa dúas familias sen a súa principal fonte de ingresos

G24.gal 18/08/2024 20:57 Última actualización 18/08/2024 23:08

Este domingo os veciños de Pontedeume notaron que cheiraba a combustible e viron algunhas manchas na auga na zona da ponte. Logo souberon que un pesqueiro pequeno, o Jato Roxo, se afundira no peirao da localidade. A embarcación foi ao fondo mentres estaba amarrada a porto e sen tripulación. Aínda non se sabe o porqué.

A Xunta activou o nivel mínimo de emerxencia por contaminación mariña, tras constatarse que o alcance da mancha de combustible era pequeno. Con todo, despregáronse barreiras absorbentes para confinar a vertedura. Técnicos na zona explicaron que ao ser de gasóleo, evapórase rápido e non vai ao fondo.

Para reflotar a embarcación acudiron ao lugar mergulladores da Armada, que dispuxeron varios flotadores arredor do barco para facelo emerxer. Aínda que é unha operación ás veces rápida, a preamar e as correntes non a puxeron fácil nesta ocasión.

"A corrente tiraba e fixo que o barco se revirase. Tivemos que emendar as manobras e cambiar o sistema dos globos. As correntes aquí son moi fortes e é moi complicado traballar e mergullar con esta corrente", explicaba o tenente de navío Manuel Ramos, segundo comandante da unidade de mergulladores de Ferrol.

A tripulación do Jato Roxo andaba actualmente á nécora e ao camarón. O propietario indicou que a súa familia e outra máis quedan debido a este suceso sen a súa principal fonte de ingresos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade