O agro galego reivindica a igualdade polo Día Internacional da Muller Rural
Alma Rural acolleu diversas mesas redondas para repasar o papel da muller do rural
Igualdade, desenvolvemento rural e emprendemento constitúen as claves que marcan o tránsito da muller galega rural dende o século pasado ata hoxe. Estes días estanse a celebrar numerosas homenaxes para reivindicar o seu papel na evolución socioeconómica de Galicia.
O programa Alma Rural acollía esta mañá no concello da Baña diversas mesas redondas para ilustrar e repasar o papel da muller do rural ao longo da historia e a súa decisiva contribución ao desenvolvemento da sociedade galega.
Profesionais e traballadoras sinalaron os profundos cambios que está experimentando o campo galego e os retos con vistas a unha igualdade efectiva.
Segundo Carmen Rodríguez, presidenta de Mulleres de Seu, "necesitamos unha mellora en infraestruturas e en servizos, en conciliación, servizos de apoio a domicilio. Estamos dando pasos, quedan retos por conquistar pero a igualdade para min non é un reto senón o único camiño posible".
As intervencións abrangueron dende a invisibilidade secular do traballo feminino no rural galego ata a súa superación grazas ao acceso a información. "
Agora temos todas as ferramentas que necesitamos para coñecer outras mulleres, outros homes, e aprender un pouco do que fixeron eles para tamén poder facelo nós", afirma Mónica Novás, psicóloga xurídica e sexóloga.
O futuro da muller rural pasa por unha aposta pola diversificación. "Hai que revalorizar o traballo do sector primario pero ademais no século vinte aspiramos a que a muller poida exercer todo tipo de actividades no ámbito rural", comenta Mar Blanco, cooperativista de Camiño Circular.
Con estas actividades as consellerías de Emprego e Igualdade, e de Medio Rural, conmemoraban o Día Internacional da Muller Rural, insistindo nos obxectivos de futuro.
"Acadar o obxectivo de que esas mulleres volvan ao rural pola vía do desenvolvemento -mantén José González, conselleiro de Medio Rural-, unha actividade agrogandeira con valor engadido coa recuperación do territorio.
Se nós podemos poñer o noso apoio a través da lei de recuperación da terra agraria de Galicia, a través dos lugares modelo, dos polígonos agrogandeiros, é polo que imos apostar".
As relatoras pediron tamén unha maior formación para conseguir un rural galego cada vez máis con máis futuro.