Alcol e motos, obxectivos prioritarios de Tráfico nas estradas galegas este verán
Alcol e motos, obxectivos prioritarios de Tráfico nas estradas galegas este verán
En Galicia agárdanse 10 millóns de desprazamentos por estrada neste primeiro fin de semana do verán
A Garda Civil detecta máis de 1.000 alcolemias positivas cada mes entre os condutores galegos
Desde xaneiro xa hai máis motoristas falecidos en accidentes que en todo 2023
As estradas galegas presentan un índice de perigosidade superior ao doutras zonas do territorio pola presenza de animais e peóns máis habitual do normal, ao que se une no verán o ocio que fai que a vida se faga nas estradas, aseguraba no espazo BD da TVG, Antonio Hidalgo, tenente coronel da Garda Civil de Tráfico en Galicia.
Así a dirección xeral de Tráfico incidirá neste período de vacacións na vixilancia do consumo de alcol ante as múltiples festas que se celebran e os posteriores regresos a casa despois das tradicionais verbenas.
"Haberá máis controis nas estradas, de máis duración, móbiles en diferentes treitos para evitar avisos entre os condutores e lograr que se impoña o consumo cero entre os que leven o volante" anuncia Antonio Hidalgo, tenente coronel da Garda Civil de Tráfico en Galicia.
Especial atención lle prestarán aos maiores de 45 anos que consomen alcol en actos sociais.
Os axentes que se encargan da vixilancia nas estradas tamén incidirán na atención ás motos que circulan por Galicia.
"No que vai de ano xa levamos máis falecidos en accidentes de motoristas que en todo o ano pasado; e iso malia que case todos os mortos neste tipo de vehículos en 2023 foron o resultado de accidentes no verán", informaba no BD Antonio Hidalgo.
Ademais das motos, haberá unha especial vixilancia sobre o alcol que está a deixar cifras dramáticas na sinistralidade viaria.
"Preto do 40 % dos accidentes mortais nas estradas teñen detrás o alcol ou as drogas" asegura Antonio Hidalgo da Garda Civil de Tráfico en Galicia. "Cada mes detéctanse en Galicia máis de 1.000 alcolemias positivas, polo que os axentes intensificarán a vixilancia para lograr chegar ao consumo cero entre os condutores".
O Pegasus
Galicia conta cunha base permanente dun helicóptero de vixilancia de Tráfico Pegasus na Lavacolla que axuda na detección de infraccións dos condutores, e que ademais da velocidade ou adiantamentos irregulares é capaz de sancionar o uso do móbil ao volante ou o do cinto de seguridade.
A dirección xeral de Tráfico insístelles aos condutores ante a temporada de ocio que extremen a súa atención ao volante para evitar distraccións que supoñen un alto índice de sinistralidade, que non usen o móbil mentres conducen e que preparen as viaxes.
"O tempo de descanso e un vehículo revisado e ben preparado para as longas distancias que se realizan nesta época de lecer pode supoñer evitar un accidente na estrada" asegura Antonio Hidalgo, tenente coronel da Garda civil de Tráfico en Galicia.