O alumnado da Tradescola anima as rúas do centro de Lugo co seu folión do Entroido
O alumnado da Tradescola anima as rúas do centro de Lugo co seu folión do Entroido
A rapazada amosou o aprendido nas aulas da escola da Asociación de Gaiteiros Galegos
Con bailes e con cantos propios destas datas, o alumnado da Tradescola celebrou en Lugo o seu tradicional folión de Entroido.
Ao son das chocas, dos bombos ou dos tambores, percorreron as principais rúas do recinto histórico da cidade, onde amosaron o aprendido nas aulas da escola da Asociación de Gaiteiros Galegos.
A rapazada realizou diversas paradas ao longo do percorrido deste folión. Á súa vez, quen quixo participar de xeito activo puido facelo, sumándose aos ritmos tradicionais con instrumentos do máis variado.
Sachos, martelos, cunchas ou axóuxeres. Practicamente, calquera obxecto sonoro serve para lle dar a benvida a unha festa cuxa orixe se perde na noite dos tempos.
Mónica Fernández, coordinadora da Tradescola: "Sempre se nos une moitísimo público. Cando nos ven, únense e terminan cantando con nós, bailando con nós e, por suposto, facendo os toques do folión".
Incrementar a presenza da música e do baile tradicional nos distintos eidos da sociedade é un dos principais obxectivos da Tradescola. Con este folión non só o conseguiron, senón que ademais mantiveron vivo o espírito do Entroido máis ancestral.