Publicador de contidos
Publicador de contidos

O ano Fernández del Riego saldará a débeda co "inventor" do Día das Letras Galegas

O ano Fernández del Riego saldará a débeda co "inventor" do Día das Letras Galegas

A Real Academia Galega (RAG) presentou os actos dedicados ao autor, que irán dende a súa Lourenzá natal ata Vigo, a cidade que lle deu acubillo

As homenaxes queren tamén achegar a Del Riego ao público infantil

G24.gal 24/02/2023 13:10

Foi "o inventor" do Día das Letras Galegas, en palabras de Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG), e neste 2023 a institución salda unha débeda con Francisco Fernández del Riego, quen imaxinou na súa cabeza e que arrincou hai 60 anos dedicando a xornada a Rosalía de Castro.

As celebracións, que este venres se presentaron, terán dous lugares de referencia: Lourenzá, onde naceu, e Vigo, a cidade que o acolleu despois da guerra, tras o golpe de estado de 1936, e onde faleceu en 2010.

O pleno extraordinario da RAG o 17 de maio será en Lourenzá, mentres que Vigo, cidade que lle deu refuxio e onde faleceu en 2010, acollerá un acto literario da man do Concello e da Fundación Penzol, da que foi fundador e primeiro director.

"Todos somos fillos del"

Nesta presentación Freixanes referíase a Del Riego, quen tamén dirixiu a Academia entre 1997 e 2001, como “un activista da cultura galega e de Galicia como nación que nunca se rendeu".

"Todos somos fillos del", concluía o presidente da RAG ao falar do homenaxeado como unha das figuras máis representativas de toda unha xeración que mantivo viva durante a ditadura a cultura do país tendendo pontes coa xeración Nós e entre o exilio interior e a Galicia alén mar. Os seus integrantes foron “os que nos permitiron ser o que somos e estar hoxe aquí”.

Primavera das Letras

A Primavera das Letras, para achegar ao público infantil a figura de Del Riego, será o 6 de marzo. O acto será na escola de Infantil e Primaria Juan Rey de Lourenzá e concluirá coa proxección da curtametraxe 'A orixe da nosa lingua guapa'. Trátase dunha produción audiovisual baseada nunha idea orixinal de Fina Casalderrey coa que a RAG inaugura un novo espazo para a divulgación da lingua e da cultura galega.

Ademais, don Paco será protagonista dunha serie web que asinan a escritora Eva Mejuto e a ilustradora Lucía Cobo, que se publicará na páxina primaveradasletras.gal.

A páxina web ofrecerá actividades interactivas para conectar os nenos de forma lúdica co universo de Del Riego e servirá de escaparate dos traballos escolares que se presentaron ao concurso 'Contádenos o voso Día das Letras'.

Epistolario con Otero Pedrayo

Amais diso, a investigadora Patricia Arias Chachero editará o epistolario de Fernández del Riego co seu amigo Ramón Otero Pedrayo, composto por máis de 450 documentos, e que, segundo Arias Chachero, "reflicte un percorrido pola reorganización do galeguismo de posguerra”.

A Academia produce, ademais, unha serie documental web que realizou a produtora Miramemira sobre os principais fitos da traxectoria do autor. A serie estrearase en marzo na canle de YouTube da RAG e no espazo dedicado a Del Riego na academia.gal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade