Publicador de contidos
Publicador de contidos

O anticiclón mantense firme, e segue o tempo seco e solleiro

O anticiclón mantense firme, e segue o tempo seco e solleiro

Na fin de semana "podemos ter incluso mínimas que non baixen dos 20 graos, moi elevadas para a época", explica Carlos Otero, meteorólogo de Meteogalicia

G24.gal 06/10/2023 14:52

Comezamos outubro coas temperaturas batendo récords históricos. E se non é frecuente superar os trinta graos nesta época, máis raro aínda é que este veranciño dure tantos días.

"Non son só esas temperaturas extremas, senón a persistencia desa situación", di Carlos Otero, meteorólogo de Meteogalicia. Levamos xa todo o mes con predominio das altas presións, explica, e "parece que aínda vai seguir esta situación" polo menos ata avanzada a semana próxima. As temperaturas serán elevadas, de "incluso 10 graos por riba da media", afirma Otero.

O responsable é o anticiclón, que se mantén firme contra as borrascas do Atlántico. O vento vai gañando compoñente leste e sur, así que axudará á suba de temperaturas na costa. 

"Temos subas de temperatura importantes na fachada atlántica", di Otero. De cara á fin de semana, prevé que -sobre todo nas Rías Baixas- suban máis eses termómetros: "Podemos ter incluso mínimas que non baixen dos 20 graos, moi elevadas para a época", explica. 

Así que os que queiran praia, poden ir facendo plans. A auga tamén segue anormalmente boa, a 18º ou 19º, porque non hai nordés intenso.

As predicións din que o anticiclón se mantén a medio prazo, así que, polo menos ata finais da semana que vén, segue o tempo seco e solleiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade