O Arde Lucus recupera o seu esplendor con moitas novidades
O Arde Lucus recupera o seu esplendor con moitas novidades
A festa de exaltación do pasado galaico e romano de Lugo acollerá máis de 400 actos
Co enfrontamento das lexións do César aos feros defensores galaicos tras cruzaren o río Miño deu comezo o Arde Lucus, unha festa que aspira a recuperar o seu esplendor nesta nova edición.
Deseguido, as tropas imperiais foron bendicidas polos augures nas termas romanas. En total, son máis de 400 os actos ao aire libre previstos para estes festexos en distintos puntos da cidade.
Juan Méndez, Senado Lucus Augusti: "Hoxe ábrense a maioría das instalacións, coma o mercado ou as distintas casetas das asociacións. Á tarde será un non parar".
Eduardo Fernández Abel, Cohors III Lucensium: "Estamos preparado os desfiles da tarde, que irá dende a Porta Miñá ata o campamento".
Julio Montero, Mercenarios Galaicos: "Estamos xa ultimando a tope. Esperamos que haxa un montón de persoas que veñan velo".
Unha das principais novidades desta edición é a dos espectáculos de realidade aumentada no renovado tramo da Mosqueira da rolda da muralla romana. Neles, recrearanse varias escenas históricas.
Marcos Barrios, creador dos contidos de realidade aumentada: "É crear a contorna no momento de esplendor do Lugo romano. Vaise transformar toda esta zona e vaise ver tamén unha aguia imperial de catro metros, polo que a xente se vai sorprender de ver unha aguia xigante".
Outra novidade é que este ano o gran desfile do Arde Lucus se trasladará ao tramo da rolda da Muralla entre as portas de Santiago e de Bispo Odoario.
Ademais, o Concello instalará varios puntos contra agresións sexuais, mentres que se reforzará a vixilancia, en especial nas aglomeracións previstas, como ocorrerá no concerto das Tanxugueiras.