O Arenteiro suma no Toralín a segunda vitoria consecutiva (1-2)
O Arenteiro suma no Toralín a segunda vitoria consecutiva (1-2)
Mangel e Marcos Baselga anotaron os goles da vitoria
Diego García foi un muro para os bercianos, que só puideron marcar no engadido
O Arenteiro encadeou a segunda vitoria consecutiva do curso, e fíxoo nunha praza difícil, como o Toralín, ante a Ponferradina de Javi Rey.
O partido comezou con susto para o equipo galego. Unha internada pola dereita da Ponferradina rematou cun remate co calcaño que parou Diego García na mesma liña de gol. Os locais reclamaron que o balón entrara na portería, pero o árbitro determinou que non. O Arenteiro encaixou ben o golpe e comezou a facerse co control da posesión. Pero, malia a que os de Raúl Jardiel ían achegándose á área berciana, non conseguían crear ocasións de perigo. Aínda avisou outra vez a Poferradina cun remate desde dentro da área de Ernesto que respondeu Diego García cun paradón. E, xusto a seguir, o Arenteiro inauguraba o marcador no seu primeiro remate. Foi á saída dun córner, cunha espectacular cabezada de Mangel.
Coa vantaxe no marcador, o Arenteiro estivo cómodo, permitiu só unha nova incursión da Ponferradina antes do descanso cun centro desde a dereita que rematou Borja Valle, cunha nova parada de Diego.
Na segunda metade, a Ponferradina deu un paso adiante, á busca do empate, pero topou unha e outra vez con outra grande actuación de Diego García, que rexeitaba cada remate local. O Arenteiro, mentres, agardaba a súa opción para sentenciar o encontro, e estivo a piques de acadalo nunha caída na área en que se reclamou penalti sobre Diego Gómez e, sobre todo, cun gran disparo de David Ferreiro que rexeitou o pau. Finalmente, xa no treito final, Marcos Baselga aproveitaba outro servizo de Martín Solar para anotar o 0-2 que xa parecía definitivo.
Mesmo puideron anotar o terceiro os ourensáns, pero a Ponferradina obtivo o premio de consolación co gol que acurtaba diferenzas. Marcouno Yeray desde fóra da área. Desta volta, nada puido facer Diego García, pero a historia do segundo triunfo consecutivo do Arenteiro xa estaba escrita.