O ataque do lobo deixa un año morto e varias ovellas feridas en Santiago
O ataque do lobo deixa un año morto e varias ovellas feridas en Santiago
O ataque ocorreu contra as oito da tarde, cando os donos do gando non estaban na casa
O lobo derrubou a porta do cortello, onde teñen as ovellas
Rosa e Emilio calculan que o ataque se produciu contra as oito da tarde, cando eles non estaban na casa. Din que o lobo conseguiu achegarse ata a porta do cortello.
"Esa porta que está aí, tirárona, e despois as ovellas botáronse fóra. Aquí atacáronas. Chegaron ao portal, que non abre para fóra porque ten un tope, pero, coa forza que fixeron, botaron para fóra o muro", explica Emilio Liñares, dono das ovellas.
No ataque morreu un año e varias ovellas quedaron feridas.
"Unha está toda mordida pola cara, outra sen la ningunha polo lombo, outra rabuñada. Ao vir mirar, estaban por aquí e, ao achegarnos, xa vimos a la toda polo camiño adiante", conta Rosa Gómez, dona das ovellas.
Esta non é a primeira vez que pasan por unha situación semellante. Din que os ataques do lobo son frecuentes.
"Levamos moitos anos pelexando con isto. Unhas veces tres, outras, dúas, unha... Hai ano e medio, tamén nos apareceu outro año morto".
Agora están especialmente preocupados, non só polo que supón perder o gando, senón tamén porque o lobo andou en pleno día a carón da vivenda familiar.