A serie 'Rapa' resulta a gran triunfadora dos XXIII Premios Mestre Mateo, con 11 galardóns
Lucía Veiga lograr un Mestre Mateo por terceiro ano consecutivo: mellor actriz de reparto por 'As Neves'
A longametraxe As Neves, participada pola TVG, foi outra das triunfadoras da noite do audiovisual galego
Juan Fuentes, mellor comunicador polo programa da TVG Quen anda aí?

A serie Rapa, dirixida por Jorge Coira e Javier Cámara, é a gran triunfadora da gala dos XXIII Premios Mestre Mateo. A serie producida por Portocabo TV e Movistar Plus e creada e escrita por Pepe Coira e Fran Araújo fíxose con once galardóns na noite do audiovisual galego.
Entre eles, Mellor serie de televisión, Mellor Guion para os tamén creadores da serie Pepe Coira e Fran Araújo e Mellor dirección, para Jorge Coira e Javier Cámara. A terceira tempada da serie conclúe un ciclo no que todas as súas entregas foron recoñecidas co galardón de Mellor serie.
Rapa partía como unha das favoritas da noite, con 18 candidaturas, e foi a obra máis premiada. O thriller rodado na comarca de Ferrol destacou tamén nas categorías de interpretación, os premios de Mellor interpretación feminina protagonista e Mellor interpretación masculina protagonista e de reparto recaeron en Mónica López, Darío Loureiro e Diego Anido polos seus papeis na serie.
Tamén brillou nas categorías técnicas conseguindo o recoñecemento a Mellor dirección de fotografía para Jaime Pérez, Mellor dirección de produción para Ana Míguez, Mellor maquillaxe e salón de peiteado para Fanny Bello e Gemma Márquez, Mellor montaxe para Gaspar Broullón, Lu Rodríguez e Jorge Coira e Mellor música orixinal para Xavi Font.
'As Neves'
A longametraxe As Neves, de Sonia Méndez, foi outra das vencedoras da noite con tres premios, Mellor longametraxe para a produción de Cósmica e Aquí y Allí Films, coa participación da TVG, Mellor interpretación feminina de reparto para a actriz Lucía Veiga, que recolleu o seu terceiro Premio Mestre Mateo consecutivo, e Mellor son para David Machado, que tamén repite premio, Javier Pato e Daniel Fernández.
Quen tamén dobrou galardón na noite do audiovisual galego foi o equipo de Tratamos demasiado ben ás mulleres, co premio a Mellor vestiario para Maite Tarilonte e Mellor dirección de arte, para Curru Garabal.
Nas categorías de curtametraxes, as premiadas foron Pura, de Carmen Méndez, premio a Mellor curtametraxe de imaxe real e Eu vou conmigo, de Abanico Producións, premio a Mellor curtametraxe de animación.
Filmei paxaros voando, dirixido por Zeltia Outeiriño e producido por Sétima e Ringo Media coa participación de TVG, fíxose co premio a Mellor documental.
Pola súa banda, Recollendo músicas gañou a Mellor programa e Poscoito gañou a Mellor serie web. Na categoría de Mellor videoclip o premio foi para Marimondra, de Mondra e Adela Otero.
Juan Fuentes, mellor comunicador
O galardón a Mellor comunicador foi para Juan Fuentes, por Quen anda aí?, programa da Televisión de Galicia; Mellor realización para Marcos Nine por Historias de Aquí e Mellor anuncio publicitario para Non pode ser máis de aquí, de Real Club Celta e Verve Creative Group.
Un dos momentos máis emocionantes da gala foi a entrega do Premio de honra á script Encarna Alonso, que recolleu o galardón das mans do cineasta Carlos Amil.
A gala de entrega de premios foi presentada por Teté Delgado baixo a dirección da coreógrafa Marta Alonso. O artista Baiuca foi o encargado de poñer música á noite do audiovisual galego.
A gala dos XXIII Premios Mestre Mateo celebrouse este ano en Lalín, por primeira vez fóra das grandes cidades grazas ao apoio do Concello de Lalín, da Deputación de Pontevedra e AGADIC - Xunta de Galicia, e foi emitida en directo pola Televisión de Galicia.
Minuto a minuto
Primeiro premio da noite. O galardón para o mellor actor de reparto masculino é para Diego Anido, por Rapa
O Mestre Mateo á mellor maquillaxe e salón de peiteado é para Fanny Bello e Gemma Márquez

O Mestre Mateo para a mellor música orixinal é para Xavi Font. Segundo premio da noite para Rapa

O premio Mestre Mateo para o mellor videoclip é este ano para Marimondra, de Mondra e Adela Otero

Continúa a gala no Lalín Arena. O premio Mestre Mateo deste ano á mellor realización é para Marcos Nine, por 'Historias de aquí'

O premio Mestre Mateo á mellor dirección de fotografía foi nesta edición para Jaime Pérez. Terceiro premio para Rapa

Chegou xa o premio á mellor actriz de reparto: Lucía Veiga, premiada cun Mestre Mateo por terceiro ano consecutivo por 'As Neves', unha longametraxe participada pola Televisión de Galicia. Competía con María Pujalte, María Vázquez e Sheila Fariña.

O Mestre Mateo para a mellor serie web é este ano para 'Poscoito', de Héctor Rodríguez, que poderemos ver a partir do luns en Agalega.gal.

O Mestre Mateo a mellor dirección de producción vai tamén para Rapa (Ana Míguez). Cuarto premio da noite.

O guión premiado nesta edición nos Mestre Mateo é o de Rapa, de Pepe Coira e Fran Araújo. Quinto premio para a producción capitaneada polos irmáns Coira.

O presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, intervén na cerimonia. Chega o momento de entregar o Premio de honra Fernando Rey, que este ano se lle concede a script Encarna Alonso.

O premio Mestre Mateo ao mellor son é tamén para David Machado, Javier Pato e Daniel Fernández. Segundo premio da noite para As Neves.

Sen pausa chega un novo premio para Rapa. O da mellor montaxe é xa o sexto da noite. Recollen o galardón Gaspar Broullón, Lu Rodríguez e o propio Jorge Coira

Juan Fuentes, o presentador de Quen anda aí? na Televisión de Galicia, premio Mestre Mateo ao mellor comunicador. Quixo compartir o premio con todo o equipo do programa.
E o premio Mestre Mateo para o mellor actor protagonista é para..... Darío Loureiro. Nova distinción para Rapa

Carlos Blanco e Antía Vidal entregan o Mestre Mateo á mellor curtametraxe de imaxe real. A premiada é Pura, de Carmen Méndez.

Chega xa o momento de coñecer o gañador do Mestre Mateo a mellor dirección de arte. A elexida é Curru Garabal, por Tratamos demasiado ben as mulleres

Jorge Coira e Javier Cámara logran o Mestre Mateo á mellor dirección por Rapa

A serie Rapa continúa acaparando as principais distincións, e van nove. Mónica López, moi emocionada, recolleu o Mestre Mateo á mellor actriz protagonista.

Na categoría de Mellor documental, o Mestre Mateo vai este ano para Filmei paxaros voando, unha produción dirixida por Zeltia Outeiriño, producida por Sétima e Ringo Media e participada pola Televisión de Galicia

Recta final da gala, e chega o momento do premio para o mellor programa. O Mestre Mateo vai para Recollendo Música, da Televisión de Galicia.

É o momento de coñecer o Mestre Mateo á mellor serie de televisión. O premio é para..... Rapa, de Movistar Plus e Portocabo TV. Décimo galardón da noite.

Xa no remate da gala, o Mestre Mateo á mellor longametraxe vai nesta ocasión para As Neves, dirixida por Sonia Méndez. Producida por Cósmica Producións e Aquí y Allí Films, coa participación da Televisión de Galicia.
